Talco foron os encargados de pechar o venres no escenario Galicia do Revenidas 2025, e fixérono coa forza e a claridade de sempre. O seu ska-punk directo, acelerado e sen distraccións puxo a toda a xente a saltar desde o primeiro minuto. Son unha desas bandas que, aínda que as viches outras veces, sempre funcionan: ritmo constante, mensaxe clara e un concerto que non baixa a intensidade.
Chegaron cun repertorio cheo dos seus clásicos e cun público que xa ía entregado antes de escoitar a primeira nota. Un final de noite perfecto para un venres que pedía festa, suor e coro colectivo. Talco foron, unha vez máis, garantía absoluta de éxito.