Este Revenidas foi especial para min porque foi a primeira vez que entrei cunha acreditación de prensa. Tiña a ilusión de ver os concertos, pero tamén a de sentir un pouco como é estar “dentro” do festival, sacando fotos, movéndome dun escenario a outro e quizais algunha foto desde o foso...
Levo comigo un montón de fotos que gardan parte do que vivín estes días.

Xoves
O primeiro concerto que vin foi The Baboon Show no escenario Vibra Mahou (21:35). Para min a gran revelación deste Revenidas. Non deixo de escoitalos dende aquela noite. A entrega e a enerxía de Cecilia Boström no escenario fixéronme gozar coma un neno.
Logo chegaron Dubioza Kolektiv no escenario Galicia (23:15). Xa os vira doutras veces no Revenidas, e como sempre transmitiron unha enerxía brutal. Festa asegurada.
Ás 00:40, de novo no Vibra Mahou (EVM), descubrín por primeira vez ás Sanguijuelas del Guadiana que fixéronme pasar un rato entretido.
Máis tarde, á 01:50, subiron ao escenario Galicia (EG) os Buhos, que tamén era a primeira vez que os vía. Moi boa posta en escena, conseguen transmitir festa e alegría en todo momento.
Para rematar a noite, ás 03:00, pasou polo EVM Galician Army. Estaban na súa liña, aínda que esperaba algunha sorpresa ou colaboración extra.





Venres
O meu día arrincou con forza da man de SÉS no EG (18:50). Xa a vira en máis ocasións e nunca defrauda, sempre poderosa no escenario.
No EVM (20:00) vin por primeira vez a Les Testarudes. Foi un gran descubrimento, entendo por que mesmo Fermín Muguruza queríaas no festival.
Precisamente Muguruza subiu despois ao EG (21:30). Tamén era a primeira vez que o vía en directo e quedoume a sensación de estar vivindo algo grande.
A noite seguiu con Sons of Aguirre & Scila (23:40, EVM). Estaba con ganas de velos, pero salvo polas cancións máis coñecidas, resultaronme algo planos.
A proposta máis rara da noite chegou con Svetlana (01:55, EVM). Primeira vez que os escoitaba e a verdade é que non me encaixou moito no festival. Entre subnopop e algo moi estraño. Que vivan as marranas!
Por sorte, ás 02:55 no EG, Talco puxo a guinda. Son unha aposta segura: festa, ritmo e moita conexión co público.
Tiven que poñer fin ao sábado para poder estar algo fresco para os concertos do sábado que estaban prontos a comenzar. Mágoa non ver a Baiuca e Xosé Luis Romero & Aliboria xa que sempre é un espectáculo escoitalos en directo.
Sábado
O día comezou moi cedo co concerto de Lendakaris Muertos (12:30, EG). Era a primeira vez que os vía e foron espectaculares. O cantante baixou ao público, fixo cantar a todo o mundo (mesmo a nenos pequenos) e conseguín unha púa de recordo.
Logo, para a sesión vermú, Monoulious DOP (14:15, EVM) montaron unha auténtica festa co seu estilo chándal. Perfectos para esa hora.
Máis tarde, Mondra (15:20, EG) volveron sorprender. A súa proposta sempre chama a atención, e teño que destacar a Sabela, que expresa coa súa forma de moverse todo o que soa no escenario.
Ás 19:00 descubrín a Bewis de la Rosa (EVM). Xa mo adiantara Catuxa Salom na Carballeira de Zas, e tiña razón: outro gran descubrimento deste ano.
Despois foi a quenda dos Heredeiros da Crus (20:05, EG). Son garantía de espectáculo. O momento do bautizo rockeiro de Breogán e o seu avó coa sulfatadora foi incrible. Aquí tamén conseguín unha púa, outro recordo especial.
Pola noite, Riot Propaganda (23:00, EG) deixáronme algo decepcionado, aínda que a choiva durante toda a tarde/noite tamén xogou un papel importante no resultado final.
Neste punto, tiven que finalizar o día, deixando sen ver entre outros ao grande Vasco Ribeiro que ultimamente está sendo programado nas últimas horas (3AM). Unha gran mágoa non poder ver no revenidos a Omiri.
Domingo
O último día foi máis tranquilo. Cos obradoiros programados como o de nós, aprendendo a facer o as de guía, o ballestrinque… a os máis cativos, e non tan cativos que tamén necesitaron algunha clase de reforzo.
Pequenos detalles que tamén fan festival.
O grupo tradicional galego Os terribles de Arousa amenizou baixo a chuvia aos asistentes á sesión, baixo a chuvia, do domingo.
Logo chegou a quenda da cativada e o concerto de punk infantil grazas a Brais das Hortas e Peter Punk, cunha proposta infantil moi divertida, espectáculo, música, teatro, en definitiva risas aseguradas tanto para as criazas como para o resto de persoas alí presentes.
E claro, non podía faltar a gran sardiñada, orixe deste festival, un dos momentos máis entrañables, onde o esforzo do voluntariado é agradecido polo público e veciñanza asistente.
Por mor da chuvia, canceláronse os concertos da tarde-noite, pero así e todo o domingo pechou cun bo sabor.
Conclusións
Marcho deste Revenidas 2025 con moitos descubrimentos (The Baboon Show, Les Testarudes, Bewis de la Rosa…), con momentos únicos (Heredeiros, Lendakaris) e con recordos que gardarei sempre (as púas, a primeira acreditación de prensa, algunha foto que fala por si soa).
Grazas ao festival e ao equipo de comunicación polo trato e por facer posible unha edición máis.
As miñas desculpas as artistas e bandas ás que non puiden ver, así como daqueles momentos esquecidos desta crónica. Outro ano será!